venres, 28 de abril de 2017

A memoria da choiva

Aquiles Vega é un xornalista de Santiago de Compostela, que fora botado do xornal El País logo de publicar a través da conta de Twitter do periódico unhas declaracións privadas sobre Mariano Rajoy, e na actualidade colabora na publicación Pio Sacro, revista ufolóxica. Andrés Casaperda é un policía amigo seu, que o chama logo de que no ensanche compostelán aparecese finado Xosé Carneiro, un coñecido psicanalista, cun cravo de ferro cravado no corazón.
Xaquina, a nai de Aquiles, dille que iso se corresponde cun verso de Rosalía de Castro, e o xornalista contacta con Sofía Deneb, profesora de literatura que vén de publicar unha biografía da autora, no ano en que se cumpre o 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos. A profesora descarta que o crime poida estar relacionado coa obra de Rosalía.
Ao día seguinte aparece morta Penélope Santalla, outra estudosa da vida e obra de Rosalía de Castro, co torso e o abdome aberto. No espello do seu baño está escrito un texto similar a outro verso de Rosalía, "Cando un é moi dichoso, moi dichoso", que ao igual ca "Unha vez tiven un cravo" aparece no libro Follas novas. O mesmo día, Sofía recibe un correo electrónico dun tal Adriano co poema "Bos amores", tamén do mesmo libro.
Sofía decátase de que o nome de Adriano correspóndese co dun fillo de Rosalía e Manuel Murguía morto sendo aínda un bebé. Aquiles e Sofía van investigar a Padrón, á casa da Matanza, e nunha revista len unha crítica a un artigo que Xosé Carneiro escribira dicindo que Rosalía tiña tendencias suicidas. A relación das mortes coa obra da autora parece xa evidente, con algún tipo de vinganza.
A policía investiga os casos e busca identificar a orixe do correo electrónico recibido por Sofía, e na propia comisaría recíbese un correo cun anaco do poema "A xustiza pola man". Aquiles está convencido de que as mortes foron causadas por algún descendente do matrimonio de Rosalía e Murguía, pero Sofía dille que só tiveron dous netos que morreron de cativos. Aquiles entón vai falar con Calímaco de Brión, bibliotecario do Consello da Cultura Galega, na súa sede do pazo de Raxoi. Este recoméndalle que vexa o documental Pelerinaxe Lírica aos lugares Rosalianos, sobre unha homenaxe feita á autora en 1951 na que aparece Gala, a súa filla. Canda a ela aparece unha rapaza, sobre quen non se fala.
Aquiles e Sofía van á Coruña, posto que a policía lle di que desde alí se enviaron os correos que recibiu Sofía. Alí falan cun home que vive no edificio en que morou Rosalía de Castro. Este dilles que xunto a Gala vivía unha rapaza, Ariel, que era a súa asistenta, aínda que lembra que nunha ocasión lle chamou "avoa". Despois van a Vigo para falar cun antigo profesor de Sofía, que coñece boa parte da biografía de Rosalía mais non quere que se saiban todos os datos, propósito este que tiña tamén Manuel Murguía. Porén, dálles unha carta inédita de Murguía a Víctor Said Armesto datada en 1914 na que lle conta que Gala tivo unha filla de solteira cun sacerdote. Estela, nada en 1895, foi dada en adopción a un amigo seu, Antón Pan, que vive no Froxel (Oseiro, Arteixo).
A policía recibe outro correo electrónico, desta volta co poema "Ti onte mañán eu", e descobren que os correos son enviados desde a sede da Real Academia Galega. Logo de saber que Calímaco recibira tamén un correo electrónico, un axente vixía a súa casa para evitar calquera asasinato. Ao cabo, aparece morto Beltrán de Brión, fillo de Calímaco, defenestrado. Pola súa banda, Sofía recibe o poema "Co seu xordo e costante mormorio", co texto eu son o mar. Ao día seguinte aparece morto o propio Calímaco, co corazón arrancado, e mais o policía que facía garda no seu portal.
Resultado de imagen de a memoria da choiva

Ningún comentario:

Publicar un comentario